17 nov 2026

SOMOS DE MONTE

O pasado 27 de outubro levamos a cabo a apertura oficial da biblioteca para este curso escolar. Nesta ocasión a Meiga Tintureira trouxo un encargo moi interesante. Cada aula tiña que adiviñar unha palabra secreta como clave para poder entrar nese día á biblioteca. Dado que no actual Proxecto Integrado de Centro o noso lema é “Somos de monte”, a meiga Tintureira foi deixando uns días antes, varias pistas que axudaban ao alumnado para que poidesen facer as pescudas precisas.

Finalmente, as palabras secretas resultaron ser o nome de varios animais que podemos atopar nos nosos montes: o ourizo cacho, o esquío, os cabalos, o xabaril, a raposa ou o raposo, a píntega, a curuxa, a vacaloura e o teixugo. Pero non hai quen supere mellor os retos que a rapazada do noso colexio! Ben acertados e acertadas, acadaron sen problemas descifrar os enigmas da meiga Tintureira.

Durante a xornada de inauguración todo o alumnado foi pasando pola biblioteca na que, ademais tiveron que colorear as figuras destes animais baseados no estilo artístico do “zentangle”, e que agora decoran murais e fiestras da nosa biblioteca. E de agasallo un marcapáxinas para lembrar este día e a estes animais, e por suposto, para non esquecer a páxina dos libros cos que gozar da súa lectura.


Por certo, a meiga Tintureira quere lembrar a toda a comunidade educativa, que o servizo de préstamo de biblioteca continúa no horario de 16:00 a 17:00h (luns, mércores, xoves e venres). 


No hay comentarios: